Segunda edición
‘O meu libro preferido’ é un certame de fomento da lectura para o alumnado de 1º a 4º da Educación Secundaria Obrigatoria, matriculado en centros educativos das catro provincias de Galicia, xa sexan de ensino público, concertado ou privado. O obxectivo deste certame é conseguir que os e as menores lean máis e mellor, e que atopen na lectura un incentivo para escribir.
O prazo de admisión de orixinais comeza o 12 abril e remata o 31 de maio de 2024.
1. OBXECTIVO
A presente convocatoria persegue fomentar a lectura e a escritura entre o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia.
2. PARTICIPANTES
Poderán participar os e as estudantes de 1º a 4º de Educación Secundaria Obrigatoria matriculados en centros educativos das catro provincias, xa sexan de ensino público, concertado ou privado.
3. MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN
A. MODALIDADE TEXTUAL
O alumnado participante deberá elaborar un texto no que se inclúan comentarios, reflexións, descricións, explicacións… sobre un libro que teñan lido (cunha extensión máxima de dúas páxinas).
O texto poderá presentarse en lingua galega ou en lingua castelá, a elección do alumnado participante.
Nesta edición, para axudar a concursar nesta modalidade textual, creouse unha guía orientadora que inclúe unhas claves para que o profesorado dirixa o alumnado na elaboración dos traballos (https://milibropreferido.es/galicia/2024ed/). Sen ser obrigatorios os ítems indicados, a maior semellanza coas indicacións dadas maior será a valoración por parte do xurado.
Os textos terán que ter un formato determinado de estilo: deberán presentarse obrigatoriamente en corpo de letra 12 e fonte Arial, así como en formato electrónico, a través dun programa de edición (Word, Open Office ou similar). Non se admitirán escritos en formato pdf nin en formatos de imaxe (jpg, png, gif etc.). Cada documento realizado polo alumnado debe levar o nome do autor ou autora, o curso, o nome do centro ao que pertence e o título do libro debaixo, centrado e en cursiva, tal como se indica no exemplo seguinte:
Nome: Ricardo Pérez López
Curso: 1º ESO C
Centro: IES Illa de San Simón, Redondela (Pontevedra)
La isla del tesoro
Cada centro participante seleccionará, para presentarse ao certame, os cinco mellores traballos presentados en cada unha das clases que integren os cursos de 1º a 4º da ESO. As redaccións enviaranse a través do formulario habilitado na web milibropreferido.es. O profesor ou profesora será quen se encargue de realizar estes envíos a través do devandito formulario.
O centro educativo que presente os traballos garantirá que ten a autorización expresa dos ou das representantes legais dos e das menores de idade, tanto para a súa participación no concurso, como para a publicación e difusión das súas redaccións (incluíndo datos identificadores dos autores e das autoras: nome e apelidos, curso e centro educativo) na páxina web do certame e nas redes sociais da Fundación José Manuel Lara, detalladas a continuación:
- Páxina web do certame: milibropreferido.es
- Instagram: @fundacionjmlara
- Facebook: Fundación José Manuel Lara
- X (antes Twitter): @FundacionJMLara)
Tamén se difundirán nas canles de comunicación da Fundación José Manuel Lara (páxina web: fundaciónjmlara.es; correo electrónico da directora de comunicación: nuria.sanchez.gey@fundacionjmlara.es), garantindo o centro educativo, ademais, a cesión dos dereitos de propiedade intelectual sobre os devanditos traballos.
Aqueles textos que non cumpran cos requisitos anteriormente expostos consideraranse como non presentados ao certame.
Os traballos gañadores do certame, publicaranse na páxina web e nas redes sociais detallados no punto 3.A. das presentes bases legais.
B. MODALIDADE PODCAST
Para participar nesta modalidade podcast, é dicir, na creación dun arquivo multimedia, en especial de audio, concibido fundamentalmente para descargar e escoitar en computadores ou en reprodutores, o alumnado participante terá que crear un podcast, como unha maneira emocionante e creativa de explorar e compartir as ideas que lle suxire o libro escollido, pensando que é un proxecto de clase que poida ter uso máis alá dos límites da súa aula. O formato é libre, axustado ás preferencias de cada centro, e será realizado por un máximo de tres alumnos ou alumnas do mesmo centro educativo, baixo a dirección do titor/titora ou do profesor/profesora da clase ou curso.
A participación realizarase mediante a presentación dun arquivo de audio (podcast), en lingua galega ou lingua castelá, que pode ter formato de programa, informativo, reportaxe, documental ou ficción sonora (contos, fábulas, recreacións históricas, entrevistas, noticiario, debate de ideas etc.) Pode ser real ou inventado, serio ou divertido, gravado en directo ou con postprodución. Deberá ter unha duración máxima de cinco minutos.
Para axudar a participar nesta modalidade, creouse tamén unha guía que o profesorado pode utilizar para dirixir o alumnado na elaboración do podcast (https://milibropreferido.es/galicia/2024ed/). Sen ser obrigatorios os ítems indicados, a maior semellanza coas indicacións dadas maior será a valoración por parte do xurado.
Os podcasts enviaranse a través do formulario habilitado na web milibropreferido.es en formatos MP3 ou MP4. O centro educativo será o encargado de realizar estes envíos a través do devandito formulario e garantirá que ten a autorización expresa dos ou das representantes legais dos e das menores de idade, de conformidade coas autorizacións incluídas como anexo, tanto para a súa participación no concurso, como para a publicación e difusión dos traballos (incluíndo datos identificadores dos autores e autoras: nome e apelidos, curso e centro educativo) na páxina web do certame e nas redes sociais da Fundación José Manuel Lara, detalladas a continuación:
- Páxina web do certame: milibropreferido.es
- Instagram: @fundacionjmlara
- Facebook: Fundación José Manuel Lara
- X (antes Twitter): @FundacionJMLara)
Tamén se difundirán nas canles de comunicación da Fundación José Manuel Lara (páxina web: fundaciónjmlara.es; correo electrónico directora de comunicación: nuria.sanchez.gey@fundacionjmlara.es), garantindo o centro educativo, ademais, a cesión dos dereitos de propiedade intelectual sobre os devanditos traballos.
A Fundación José Manuel Lara non se fai responsable por reclamacións de dereitos de ningún tipo, incluídos dereitos de imaxe, de propiedade intelectual e industrial ou de reprodución musical. Por tanto, para participar nesta categoría do concurso, o centro educativo do alumno ou alumna terá que garantir que conta con todas as autorizacións necesarias para a reprodución do podcast.
É requisito necesario para a participación dos alumnos e alumnas que os podcast se entreguen baixo a modalidade de Licenza Creative Commons BY-NC-SA, isto é, unha licenza de uso e distribución gratuíta, non exclusiva e ampla, que inclúe a transformación de obras derivadas, sen que estea permitido en ningún caso o seu uso comercial (nin o das súas obras derivadas) con expreso recoñecemento/indicación do autor ou autora.
Ao participar neste concurso, o centro educativo que inscriba ao alumno ou alumna debe contar coa autorización dos pais, das nais ou dos titores/titoras legais, de conformidade coas autorizacións incluídas como Anexo I, que garanta o uso dos datos identificadores (imaxe e voz) do ou da menor, para a difusión desta actividade con fins promocionais na web do certame e nas redes sociais e canles de comunicación da Fundación José Manuel Lara.
O feito de participar neste concurso implica a aceptación íntegra das bases.
4. XURADO
Na modalidade textual, un xurado elixirá os catro mellores textos, dous en lingua galega e dous en lingua castelá.
Os devanditos traballos dividiranse en dúas categorías.
- Por unha banda, premiaranse dous textos do alumnado de 1º e 2º da ESO.
- Por outra banda, dous textos do alumnado de 3º e 4º da ESO.
Na modalidade de podcast, un xurado elixirá os dous mellores:
- Un en lingua galega.
- Un en lingua castelá.
O xurado estará integrado por destacados e destacadas profesionais do mundo da educación, así como da literatura infantil e xuvenil.
O fallo deste Certame farase público no terceiro trimestre do curso 2023-2024, na web e nas redes sociais detalladas no punto 3.A. das presentes Bases Legais.
Do mesmo modo, darase a coñecer os gañadores ou gañadoras a través dunha nota de prensa, que se enviará a distintos medios de comunicación.
As entidades convocadoras contactarán directamente co profesorado do alumnado gañador vía electrónica ou por teléfono, para comunicarlle o fallo do xurado.
5. PREMIOS
A. MODALIDADE TEXTUAL
Nesta categoría entregaranse os seguintes galardóns:
- Dous premios: un para o mellor relato en lingua galega e outro para o mellor en lingua castelá do alumnado participante de 1º e 2º de ESO.
- Dous premios: un para o mellor relato en lingua galega e outro para o mellor en lingua castelá do alumnado participante de 3º e 4º de ESO.
Cada un dos premios consistirá nunha tarxeta regalo de Casa del Libro, valorada en cen euros (100€) e tres entradas para o gañador ou gañadora e dous acompañantes para que asistan xuntos a calquera acto ou evento cultural que se realice dentro da comunidade autónoma galega.
- De entre todo o alumnado premiado escollerase o mellor relato, que será recoñecido como o gañador da edición, e recibirá na súa tarxeta regalo de Casa del Libro un aboamento adicional de 50 euros (50€).
- Cada profesor ou profesora do alumnado premiado será recompensado pola súa participación. Neste caso, premiaráselle cunha tarxeta regalo de Casa del Libro valorada en 50 euros (50€).
- Los centros educativos do alumnado premiado recibirán un lote de libros cada un.
No caso de que non se presenten textos nunha das dúas linguas (galega ou castelá) ou non reúnan os requisitos mínimos esixidos, quedará deserta a devandita categoría do certame.
B. MODALIDADE PODCAST
Nesta categoría entregaranse os seguintes galardóns:
- O Galardón ao mellor podcast en lingua castelá corresponderalles a un máximo de tres alumnos ou alumnas e serán premiados con dispositivos electrónicos de audio e son da marca JBL.
- O Galardón ao mellor podcast en lingua galega corresponderalles a un máximo de tres alumnos ou alumnas e serán premiados con dispositivos electrónicos de audio e son da marca JBL.
- O profesor ou profesora que coordine os podcasts premiados será recompensado por ter incentivado a devandita actividade cunha tarxeta regalo da Casa del Libro valorada en 50 euros (50€).
- Os centros educativos do alumnado premiado recibirán un lote de libros cada un.
No caso de que non se presenten arquivos de audio (podcast) nalgunha das dúas linguas (galega ou castelá) ou non reúnan os requisitos mínimos esixidos, quedará deserta a devandita categoría do certame.
6. ENTREGA DE PREMIOS
O fallo final deste concurso farase público no terceiro trimestre do curso 2023-2024 a través da web e das redes sociais da Fundación José Manuel Lara.
A Fundación José Manuel Lara comprométese a facerlle chegar os premios ao alumnado participante que gañe o certame.
A Consellería de Educación da Xunta de Galicia acorda entregarlles os lotes de libros aos centros educativos recoñecidos pola súa participación no certame.
Na páxina web do concurso milibropreferido.es pódense consultar as bases en formato dixital, as direccións e os teléfonos de contacto para calquera consulta ou ampliación de información. Do mesmo modo, atópase un resumo das edicións anteriores do certame e toda a normativa sobre protección de datos.
7. DESCALIFICACIÓNS E PENALIZACIÓNS
Se se evidenciase que algunha das persoas participantes non cumpre cos requisitos esixidos nas presentes Bases Legais, ou os datos proporcionados para participar non fosen válidos, a súa participación considerarase nula e quedará automaticamente excluída do certame, perdendo todo dereito sobre os premios outorgados en virtude deste certame.
Se se descubrise por parte da Fundación José Manuel Lara o emprego de calquera medio fraudulento e/ou inadecuado para a participación, tales como o emprego de bots, intelixencia artificial etc., o premio non lle será adxudicado e seguirá sendo propiedade da Fundación José Manuel Lara.
8. EXONERACIÓN DE RESPONSABILIDADE
A título enunciativo, pero non limitativo, a Fundación José Manuel Lara non se
responsabiliza das posibles perdas, roubos, atrasos ou calquera outra circunstancia imputable a terceiros que poida afectarlle ao desenvolvemento do presente certame, así como tampouco do uso que faga a persoa participante respecto do premio ou premios que obteña deste.
Unha vez entregado o premio, a Fundación José Manuel Lara non será responsable de ningún xeito polo uso que o gañador ou gañadora faga do devandito premio e, sen afectarlles aos seus dereitos como consumidores, non asume ningunha responsabilidade por ningún dano ou prexuízo de calquera tipo que puideren sufrir outras persoas participantes ou terceiras.
Os premios quedan suxeitos ás presentes Bases Legais e non será posible substituílos total ou parcialmente por diñeiro en metálico. Os premios non serán susceptibles de cambio, alteración ou compensación a pedimento dos gañadores ou gañadoras. Se se rexeita o premio, por parte do gañador ou gañadora, non se lle ofrecerá ningún alternativo. Queda estritamente prohibida a súa venda ou alienación.
Os titores ou titoras do alumnado participante do presente certame exoneran, da forma máis ampla que en dereito proceda e sen limitar de ningún xeito os seus dereitos como consumidores ou consumidoras, a Fundación José Manuel Lara, por calquera tipo de responsabilidade, sanción, reclamación, demanda ou causa civil, mercantil, penal, administrativa, incluíndo indemnizacións de calquera natureza e/ou índole, gastos, costas (con expresa inclusión dos honorarios de letrados ou letradas e procuradores ou procuradoras).
Os centros educativos, o alumnado participante e os seus titores e titoras legais aceptan que a Fundación José Manuel Lara poida aprazar, acurtar, prorrogar, modificar, cancelar ou suspender o certame debido a causas de forza maior alleas ao seu control, comprometéndose a informar a todos e todas da devandita circunstancia o máis axiña posible.
A Fundación José Manuel Lara queda facultada para resolver calquera continxencia non prevista nas presentes Bases Legais.
9. DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL E IMAXE
Polo mero feito de participar no presente certame a persoa participante subministradora do texto ou do podcast declara e garante ser o autor ou a autora do devandito traballo e titular único de todos os dereitos de explotación dos elementos (texto, imaxes, son, deseño etc.) que o compoñen, así como que obtivo a cesión dos dereitos de imaxe de todas as persoas que puidesen aparecer nel.
As persoas participantes no certame cédenlle á Fundación José Manuel Lara, en exclusiva, para todo o mundo e con facultade de cesión a terceiras, todos os dereitos de explotación –incluídos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación- que puidesen corresponderlles sobre as publicacións presentadas ao certame, para a súa eventual explotación en calquera modalidade, medio e/ou soporte coñecido e polo prazo máximo de vixencia dos devanditos dereitos en cada territorio.
De forma expresa, as persoas participantes autorizan a comunicación pública e posta a disposición das publicacións en calquera sitio web e as denominadas “redes sociais”. Ao aceptar o premio, a persoa gañadora cédelle á Fundación José Manuel Lara os seus dereitos sobre a publicación, para a incorporación deste a calquera operación comercial ou promocional nacional ou internacional dos produtos da Fundación José Manuel Lara, en calquera modalidade, medio ou soporte.
As cesións efectuadas na presente sección efectúanse a título gratuíto, non dándolles pé ás persoas participantes nin ás gañadoras a ningunha contraprestación.
Ao presentar o texto ou o podcast ao certame, as persoas participantes garanten que o contido dos traballos é orixinal e que cumpre cos criterios de elixibilidade.
A Fundación José Manuel Lara non será responsable de calquera incumprimento de calquera norma ou calquera infracción de dereitos a terceiras persoas efectuada polas persoas participantes no marco da súa participación no certame, asumindo estas a obriga de manter indemne a Fundación José Manuel Lara no devandito caso.
10. ACEPTACIÓN E CAMBIOS
O mero feito de participar no presente Certame implica a aceptación íntegra e irrevogable das presentes Bases Legais, así como a aceptación expresa das decisións interpretativas que destas realice a Fundación José Manuel Lara.
A Fundación José Manuel Lara resérvase o dereito de modificar ou ampliar as presentes Bases Legais en calquera momento, na medida que non prexudique ou menoscabe os dereitos das persoas participantes no certame.
No caso de que o presente certame quedase suspendido por causas de forza maior, a Fundación José Manuel Lara quedará eximida de calquera responsabilidade sobre este.
11. PROTECCION DE DATOS
De acordo co disposto no Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) e a lexislación española aplicable en materia de protección de datos, informámoslle que a Fundación José Manuel Lara, con CIF G41645615 e domicilio en Avenida Reino Unido 11, 1ª, 41012 Sevilla, tratará os datos persoais das persoas participantes, incluíndo a súa imaxe e voz, como responsable do tratamento, coa finalidade de (i) xestionar a súa participación no concurso, (ii) difundir a súa participación na web do certame, así como nas redes sociais indicadas para cada modalidade de participación nas presentes Bases Legais (IG: @fundacionjmlara; Facebook: Fundación José Manuel Lara; X: @FundacionJMLara), e, (iii) no caso de resultar gañadoras, publicar o seu nome, apelidos, imaxe e/ou voz, no seu caso, na web do certame e nas redes sociais indicadas.
Estes tratamentos serán levados a cabo en atención ao consentimento prestado pola persoa participante ou, no seu caso, mediante a correspondente autorización dos seus pais, nais, titores ou titoras legais, a participar libre e voluntariamente, así como á autorización para a cesión de dereitos de imaxe.
En canto aos datos persoais do alumnado participante que o profesorado facilite na súa calidade de representante do centro educativo, o centro educativo garante que solicitou o consentimento do pai, da nai, do titor ou da titora legal do devandito alumnado para facilitar os seus datos persoais para a participación no concurso e que lle facilitou a información relativa ás bases de participación e ao tratamento dos citados datos por parte da Fundación José Manuel Lara, segundo se indica na presente política de privacidade.
En canto aos datos persoais dos e das acompañantes que tamén vaian gozar do premio, a persoa que os facilita garante que ten o consentimento para facilitar os seus datos persoais e que se compromete a facilitarlles a información relativa ao tratamento dos devanditos datos segundo se indica na presente política de privacidade.
Os datos persoais conservaranse o prazo durante o cal puidese derivarse algunha reclamación ou responsabilidade do concurso, unha vez finalizado este e realizada a entrega do premio correspondente. Os datos solicitados son os estritamente necesarios para levar a cabo as finalidades antes indicadas, de maneira que, se a persoa participante non os facilita ou se opón ao tratamento dos devanditos datos, non poderemos xestionar a súa participación neste concurso.
Os e as interesadas poderán exercer os seus dereitos de acceso, supresión, rectificación, oposición, limitación, portabilidade e revogación do consentimento, mediante solicitude por escrito dirixida á Fundación José Manuel Lara, Avenida Reino Unido 11, 1ª planta, 41012, Sevilla, ou remitindo un correo electrónico a fundacionjmlara@fundacionjmlara.es.
Do mesmo xeito, cando o consideren oportuno, poderán presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos.
12. LEXISLACIÓN APLICABLE E XURISDICIÓN
As presentes Bases Legais rexeranse de conformidade coa lei española. Serán competentes para resolver calquera reclamación ou controversia que puidese exporse en relación coa validez, interpretación ou cumprimento das presentes Bases Legais nos Xulgados e Tribunais da cidade de Sevilla.